Cartas a F.M.G. Falar e facer

Versión PDFVersión PDF

Mozos:

Falouse de abondo xa. Estamos ateigados de literatura; máis achámonos enxoitos de acción. É hora de perguntarnos o qué levaos decorrido no vieiro longo e difícil da liberación da Patria.

Ollaremos para o noso corpo, varado, para as nosas máns, quedas, para os nosos beizos pechados en berros inéditos.

Decimos que somos patriotas; e imos matar actividade nas horas dos paseios, do cine, do café. Decimos que somos patriotas: e imos durmir emocións á veira das nosas noivas.

E non. Sómentes bendecindo co propio suór o traballo cotián; sómentes deitando sangue de esforzos pol-as rúas e pol-os campos; sómentes enchendo de berros rebeldes de sagra indiñación patriótica todol-os ventos da Terra, poderemos chegar ao conquerimento do noso degoiro supremo.

I-eisí: trocaremos en suma de heróicos esforzos a vida imaxinativa dos Poetas. E aínda aos Poetas que queden temos de decirlles: non podedes cantar a unha muller cando milleiros de mulleres da vosa mesma sangue agardan o voso berro apostólico da eisaltación racial; non podedes cantar os íntimos e persoás feitos, que sómentes son alicercer pra a debilidade do voso equilibrio sensíbel, cando milleiros de homes da vosa mesma raza agardan o berro de liota que os empule cara a xeira trunfal da redención colectiva. Mataredes a lírica que sómentes sirve de vagar feminino aos ánimos grandes, porque tedes que cantar a groriosa épica do patriotismo. Por iso non podedes cantar os feitos miudos de sempre, as cousas cativas de todo lugar, cando tedes que facer o Himno que convoma e poña ás xentes galegas en pé de revolta pol-a Patria escravizada.

Temos que dispoñernos con temple arriscado ao conquerimento do trunfo defiñitivo. Sobran verbas. Con azos pra o traballo, con ardencia pra a loita. Con fé nos nosos destiños. Con espranza na victoria. Fai máis un sagreficado pol-a Causa que cen discursos poéticos.

Os ollos postos no límite da nosa estrela, o peito adiante como bandeira ao vento, teñamos fortea, pois, pra cair victoriosamente frente ao filisteo imperialista, coa arenga da morte pol-a libertade nacional nos beizos, no pensamento e no corazón.

Con ledícia. Loitando e sofrindo; nos campos, nas rúas, no cárcere ou na morte mesma. Sempre ledos.

Por cada un de nós que caia serán cen os que se erguerán mañán. O berro de sagreficado trocarase n-un coro de victoria.

 

X. ILLA COUTO

 

ANT 25/8/1934, nº 345

 

 
Mais ensaios...
 
Publicidade